jueves, 31 de mayo de 2012

Crónica

Se un domingo te levantas ás 7 da mañá ten que ser por unha boa causa, e facer unha ruta con Paso Miúdo, sen dúbida algunha, ea.

Amence con sol e iso axuda a tirarse da cama. Xuntanza, coma sempre, fronte á Casa da Cultura e tira millas cara Baleira, iso si, facendo a parada obrigatoria do café (ou do que se tercie) en Meira.

Sobre as 11 comezamos o primeiro tramo da ruta. O percorrido trascorre por unha fraga chea, entre outras árbores, de carballos, castiñeiros, abidueiras e como non o gran compañeiro de viaxe que é o río Éo. Entre risas e contos fomos pasando a mañá, e case ó final de este tramo atopámonos con outro grupo de sendeiristas que facían a ruta en sentido contrario ó noso. Cando lles contamos o que lles faltaba por percorrer, deron a volta e foron con nos cara a area recreativa de Cortevella. O lugar é, como pouco, encantador e estraño. O máis significativo é un ascensor que baixa á zona das mesas que bordean o meandro do río, isto no tería a menor interese se non fose porque estou a falar dun lugar no medio do monte.

Qué dicir da paréntese da comida sendo que temos un saque que pa qué. Veña sacar chourizos, tortilla, filetes empanados, pan, viño, e como non a sidra. Pode que nos pasásemos un pouco xa que o prato forte da ruta era pola tarde.

Comezamos a subir os máis valentes, claro está, e o resto do grupo quedáronse en terra. Segundo contaron despois, algunha disque non perdeu o tempo, pero isto é outra historia. O tramo da tarde comezaba con forza, 2km con pendentes que nalgún sitio chegaba ó 45%, logo a cousa foise suavizando nos restantes 9km. Despois de coller folgos no alto do monte, cando levantabas a vista do chan, encontrábaste con unha paisaxe impresionante. O monte nesta época está precioso, as diferentes cores das brañas e as amarelas xestas fan que todo o conxunto pareza un xardín botánico. Entre conversa de aquí e pregunta de acolá fomos acabando a ruta, todo hai que dicilo, a un ritmo que xa quixeran moitos, 5km/h, non está nada mal tendo en conta os tremendos 2 km iniciais.

Queda moito no tinteiro pro non hai coma vivir as aventuras por un mesmo, así que pa próxima collede a mochila ás costas e a camiñar con nos.

Gracias a tod@s por un domingo tan marabilloso.

Inma.